Biblioteca de Zalaeta

IES Ramón Menéndez Pidal . A Coruña

Arquivo para decembro, 2008

As consecuencias do expurgo


venres, decembro 12th, 2008

Algúns dos Departamentos xa efectuaron na biblioteca o expurgo dos libros relacionados coa materia que imparten. Os libros que non son propios para uso do alumnado, dos que hai moitos exemplares que non teñen utilidade ou os que non acaban nos departamentos, póñense na entrada para que os leve quen queira. Onte fixemos a primeira experiencia, incluíndo material de Literatura Galega (fundamentalmente unha das tres famosas coleccións que temos dos libros verdes de La Voz de Galicia que aínda estaba sen rexistrar), Literatura inglesa e americana (maiormente libros de ciencia ficción de segunda orde que nunca se levaron emprestados), Lingua Galega, Ciencias Naturais e Matemáticas.
A experiencia foi un éxito: no primeiro recreo desapareceu a metade dos libros e, no segundo, a metade dos que quedaban. Parece que se se regalan libros non hai problemas para levalos para a casa, pero se chos deixan na biblioteca (coa vantaxe que, unha vez lidos, non che ocupan espazo na casa, porque se devolven), hai xente que leva os libros gratis pero que non se molesta nin en pisala. Curioso país o noso!

A Europa das linguas


mércores, decembro 10th, 2008

A Europa das linguas


Durante o mes de Decembro colocouse no corredor da entrada do Instituto a exposición “A Europa das linguas”. Os 24 carteis proporcionados pola AS-PG recollen a diversidade lingüística dos estados europeos, dunha maneira clara e concisa, facendo especial fincapé na súa situación e na importancia do plurilingüismo. En coordinación co Departamento de Lingua Galega e Literatura organizáronse simultaneamente actividades co alumnado de 3º e 4º da ESO, fundamentalmente encamiñadas a comprobar como son excepción os estados monolingües e cal é a situación das linguas en cada un deses estados.

Encontro co escritor Bali Rai


xoves, decembro 4th, 2008

O día 26 de Novembro tivemos na biblioteca un econtro co escritor británico descendente de punxabís, Bali Rai. A súa obra, Un casoiro ben mal amañado, foi o libro escollido polo Club de Lectura para o mes de Novembro, por iso a maioría dos participantes pertencían ao Club, cun número importante, tendo en conta que era época de exames para os alumnos de 2º de Bacharelato e o 26 convocouse xornada de folga estudantil. Acudiron tamén os pais dun dos tradutores do libro para o galego. O encontro foi moi entretido. Bali Rai é un home simpático e agradábel á hora de contar as súas vivencias, falar do seu libro e reflexar a súa visión do mundo pluricultural de Leicester, localidade inglesa en que reside. A maioría dos presentes entendeuno en liñas xerais porque o seu inglés era moi claro. Con todo, para evitar calquera tipo de dúbidas, veu con el un intérprete que fixo moi ben o seu traballo.