Biblioteca de Zalaeta

IES Ramón Menéndez Pidal . A Coruña

Arquivo para xaneiro, 2009

30-I-09 Día da Paz


sábado, xaneiro 31st, 2009

Día da Paz 2009

En conmemoración do Día da Paz, na entrada do noso centro colocáronse 6 carteis da autoría de Beatriz González da Biblioteca do IES Río Cabe, así como o texto e fotos do fotógrafo e xornalista Gervasio Sánchez, que nos pareceu moi significativo e adecuado coa data.
Asemade, na aula A-B, inaugurouse o 28 de Xaneiro a exposición “Objetivos del 1000enio”, promovida pola Asamblea de Cooperación por la Paz, que permanecerá durante a semana do 2 ao 6 de Febreiro. Os días 4 e 5 será visitada polo alumnado da ESO cunha monitora e o resto dos días estará dispoñíbel para o profesorado e alumnado de bacharelato e ciclos.  A exposición explica en que consistiu a Declaración do Milenio, asinado por 189 países (entre eles España) baixo o auspicio da ONU, así como os obxectivos principais a conseguir do 2000 ao 2015: erradicar a pobreza extrema e a fame; lograr a educación primaria universal; promover a igualdade entre sexos e a autonomía da muller; reducir a mortandade infantil; mellorar a saúde materna; combater a SIDA, a malaria e outras doenzas; garantir a sostenibilidade do medio ambiente e fomentar una asociación mundial para o desenvolvemento. Compleméntase tamén coa situación en Marroco e o Rif e con que pode facer cada un para avanzar no logro deses obxectivos.

Expo “E ti que les?”


martes, xaneiro 27th, 2009


Durante o presente mes de Xaneiro figuran no corredor do piso baixo do noso centro os paineis da exposición E ti que les? cedida polo IES de Sabón.
A finalidade da exposición é falar de libros e fomentar o amor pola lectura. En total son 47 paineis cos rostros de diferentes artistas, deportistas, comunicadores, fotógrafos, etc., xunto cun texto da súa autoría alusivo a lecturas e escritores que dalgunha maneira marcaron a súa vida.
A exposición compleméntase cun vídeo feito para o proxecto coas voces deses 47 personaxes.
Desde aquí queremos agradecer a cada un deses partipantes e, especialmente, ao IES de Sabón por esta brillante iniciativa, tan interesante e aproveitábel.

Lectura de 1º e 2º de ESO. Decembro 08-Xaneiro 09


martes, xaneiro 27th, 2009

                                                    La llave mágica

de Lynne Reid Banks

Cando parecía que non ía ter ningún regalo interesante no seu día dos anos, a Omri regálalle un dos seus irmáns un bonito armariño de madeira. Súa nai proporciónalle una chave que o abre e o pecha. Pero o máis alucinante é que ese armario e esa chave é capaz de converter a figura dun indio de xoguete nun ser real… de cinco centímetros de altura. A cousa complícase cando o seu amigo Patrick se enteira e fai que cobre vida un vaqueiro, co que o enfrontamento histórico indio-vaqueiro está servido. Ambos os amigos deberán aprender que non todo é soamente diversión sen preocupacións, tamén significará responsabilidades. Os avatares do pequeno dono por conservar a nova vida dos seus pequenos amigos (pequenos, pero adultos) é a trama do relato. O tema que toca é o do valor da vida humana e as responsabilidades orixinadas por facerse cargo dunha persoa ao mesmo tempo que Omri se ve na imperiosa necesidade de aprender sobre os costumes e crenzas de Pequeno Oso, o que vai tamén facer que cambie a súa vida.

Lectura de 3º e 4º da ESO. Decembro 08-Xaneiro 09


martes, xaneiro 27th, 2009

                                             Asesinato en el Orient Express

de Agatha Christie

Publicado en 1934, Asesinato en el Orient Express, como moitos dos libros de Agatha Christie, está baseado en feitos reais, neste caso o secuestro dun fillo do aviador Lindbergh. O libro, escrito de maneira sinxela e accesíbel, vai dando maiores doses de información pouco a pouco para permitir ao lector adiantar acontecementos e solucionar o caso. Trata sobre un crime nun vagón do tren “Orient Express”. Un vello millonario, o señor Ratchett, morre apuñalado violentamente, e todos os viaxeiros pasan a ser sospeitosos, xa que o tren quedara parado en medio da neve e, evidentemente, o asasino non puido escapar. Hércules Poirot, o famoso e meticulosos detective belga, viaxa neste tren camiño a casa. Decide interrogar un por un todos os viaxeiros, para tratar de descubrir cal deles o fixo. Aos poucos descobre que varios deles gardan escuros segredos e tiveran no pasado relación dalgún tipo co morto, un home realmente odioso, por outra parte, que se descubrirá estivo implicado na morte, anos atrás, da pequena Daisy Armstrong. O desenlace é un dos finais máis impactantes e orixinais de toda a súa obra e da literaura policíaca en xeral.

Lectura de Bacharelato e adultos. Decembro 08-Xaneiro 09


martes, xaneiro 27th, 2009

                                                    Dublineses

de James Joyce

Dublineses (en inglés, “Dubliners”) é unha colección de quince relatos curtos que pretenden ser unha franca e satírica descrición das clases media e baixa irlandesas, no Dublín dos primeiros anos do século XX. Joyce, que despois sería o pioneiro no uso do monólogo interior como recurso narrativo, utiliza nesta obra un estilo superficialmente máis realista, para ofrecer unha seca e naturalista descrición dos personajes. As historias escribíronse nun momento en que o nacionalismo irlandés estaba no seu apoxeo, e dominaba en Irlanda a procura ardente dunha identidade nacional. Atrapado nunha encrucillada da historia e da cultura, o país encontrábase sacudido por varias ideas e influencias converxentes. Estes relatos ofrecen unha visión, pouco ou nada agradábel, dos conflitos que estas tensións xeraron na vida da xente llana de Dublín. Moitos dos personaxes de Dublineses aparecerán posteriormente en papeis de menor importancia na novela fundamental de Joyce, Ulises. As historias iniciais da colección céntranse nos nenos como protagonistas, e á medida que o libro avanza paralelamente, os protagonistas crecen en idade. Tamén van crecendo correspondentemente a sofisticación e a sutileza do desenvolvemento literario.