Made in Galiza

de Séchu Sende.
Con espírito rebelde e unha imaxinación literaria desbordante, Séchu Sende entra no tema da lingua no seu libro Made in Galiza. A lingua como o produto máis rico e mellor elaborado da Galiza, a lingua como creación, non como corsé, a lingua como espazo de comunicación no que todos interveñen e todas teñen algo que dicir. Este libro de relatos, escrito desde a máis absoluta falta de prexuízos, revira as situacións, dálle a volta aos problemas e encara a situación da lingua galega coa liberdade que lle outorga o humor e un pulo narrativo extraordinariamente orixinal.
Neste libro de relatos interioriza e fai súa a situación do galego como lingua en permanente conflito. Historias orixinais, que non se deteñen ante os tópicos lingüísticos e literarios, que lles dan a volta, que os reviran, para facer das supostas debilidades as grandezas e a forza dun proxecto literario que quere intervir na realidade, que se compromete e esixe que o lector se comprometa pero que o fai coas armas do humor, a imaxinación e a literatura viva, directa, concibida como liberdade das lectoras, dos lectores, e do escritor.
A narración como espazo lúdico, o xogo como transgresión e método para implicarse na realidade. Séchu Sende refuga a literatura como escape, todo o contrario, volve a ela desde a liberdade para propoñer cambiar a realidade. Contraditorio, inocente, emocionante, creativo, rebelde: un libro Made in Galiza.
De obra “curiosa” con relatos de xeito humorístico que presentan a situación do conflito lingüístico na comunidade autónoma. Séchu Sende defende a súa obra destacando dela que “é un libro curioso porque trato un tema social pero ao mesmo tempo introduzo elementos máxicos. Escribino para satisfacerme a min mesmo e para que fose un libro compartido”. En Made in Galiza, Sende emprega a retranca para presentar os problemas do galego como lingua e convidar aos castelán-falantes a que “consideren o achegarse á lingua desde outra perspectiva para enriquecerse cultural e persoalmente”. “Galiza é unha fábrica de palabras e non podemos rexeitar o noso produto, o galego, porque é a nosa etiqueta máis orixinal e máis valiosa que nos fai únicos como pobo”.