Lectura de 1º e 2º da ESO: Maio 09
domingo, maio 3rd, 2009
de Cornelia Funke
Emparentada (quizais debedora) con A Historia Interminábel de Michael Ende e con O País dos Risos de Jonathan Carroll, esta obra é unha homenaxe á literatura, á fantasía, unha novela dentro doutra novela. O libro comeza cada capítulo con citas de obras clásicas infantís e xuvenís, que sempre están relacionadas co que sucede, ademais de incluír mencións a personaxes e situación en todo o texto que completan a citada homenaxe. Os personaxes chaman a atención, por ser capaces de evoluír, sobre todo, Dedo Polvoriento, covarde, atormentado, egoísta, tan interesado en regresar ao seu lar que non lle importa o que teña que facer para conseguilo. Tamén destaca o tratamento da realidade, desde a vida e a morte, sen disimular a ambigüidade do comportamento humano, capaz do mellor e o peor. O simbolismo (deliberado ou non) da escena en que Meggie (unha nena que aínda vive nun mundo de fantasía) e Elinor (unha adulta que substituíu as persoas polos libros) cruzan a ponte que as dirixe tanto ao refuxio de Capricornio como a unha experiencia sen retorno en que abundarán as revelacións e decisións. Entre as mellores situacións, a descrición da vida que leva Fenoglio cos seus netos antes de chegar Meggie e Mo, a casa da tía Elinor co seu enorme contido de libros, ou a vila dominada por Capricornio e os seus secuaces. Quizais a trama é algo inxenua, sinxela, mesmo previsíbel (“axudada” por un exceso de revelacións na contraportada), aínda que se compensa co sentido da aventura, a acción (ás veces repetitiva) e as emocións a que se enfrontan os protagonistas.
Como era de esperar, a autora escribiu dúas novelas máis protagonizadas polos mesmos personaxes: Sangre de Tinta, que leva a Meggie ao lar de Dedo Polvoriento, e Muerte de Tinta, final da triloxía.




