30-I-09 Día da Paz
sábado, xaneiro 31st, 2009
![]() |
| Día da Paz 2009 |
En conmemoración do Día da Paz, na entrada do noso centro colocáronse 6 carteis da autoría de Beatriz González da Biblioteca do IES Río Cabe, así como o texto e fotos do fotógrafo e xornalista Gervasio Sánchez, que nos pareceu moi significativo e adecuado coa data.
Asemade, na aula A-B, inaugurouse o 28 de Xaneiro a exposición “Objetivos del 1000enio”, promovida pola Asamblea de Cooperación por la Paz, que permanecerá durante a semana do 2 ao 6 de Febreiro. Os días 4 e 5 será visitada polo alumnado da ESO cunha monitora e o resto dos días estará dispoñíbel para o profesorado e alumnado de bacharelato e ciclos. A exposición explica en que consistiu a Declaración do Milenio, asinado por 189 países (entre eles España) baixo o auspicio da ONU, así como os obxectivos principais a conseguir do 2000 ao 2015: erradicar a pobreza extrema e a fame; lograr a educación primaria universal; promover a igualdade entre sexos e a autonomía da muller; reducir a mortandade infantil; mellorar a saúde materna; combater a SIDA, a malaria e outras doenzas; garantir a sostenibilidade do medio ambiente e fomentar una asociación mundial para o desenvolvemento. Compleméntase tamén coa situación en Marroco e o Rif e con que pode facer cada un para avanzar no logro deses obxectivos.


